Publicador de contidos

Publicador de contidos

Fai un mes do accidente de Adamuz, sen unha explicación definitiva sobre a causa da traxedia

Fai un mes do accidente de Adamuz, sen unha explicación definitiva sobre a causa da traxedia

A principal hipótese é que rompeu a vía, pero non se sabe se tiña algún defecto ou se faltou mantemento

O sinistro mantén aberto o debate sobre a seguridade da rede ferroviaria en España

Hoxe celebrouse en Córdoba unha nova homenaxe aos 46 falecidos e máis de cen feridos

G24.gal 18/02/2026 14:29

Un mes despois unha pregunta segue no aire en Adamuz: cal foi a causa do accidente de trens do 18 de xaneiro? Esta semana, volveu abrir a liña de alta velocidade entre Madrid e Andalucía e os convois volven pasar polo lugar da traxedia. A vía está reparada pero queda unha grande incógnita.

A principal hipótese que se manexa é que houbo unha rotura da vía que provocou que un dos trens descarrilase. O propio ministro de Transportes publicou as imaxes en que se apreciaba o metal partido. Pero hoxe non hai unha explicación definitiva: se rachou unha soldadura entre un raíl vello e un novo ou se rompeu un deses raís. A liña, a primeira de alta velocidade construída en España, foi renovada pero tamén se mantiveron algúns elementos antigos.

"É unha liña que estivo mantida de xeito continuo a labores de mantemento e conservación e a un proceso profundo de renovación", aseguraba hai unhas semanas o ministro Óscar Puente no Senado.

"Todos pensabamos que se fixera unha renovación integral da liña e non foi así", contradicía nunha entrevista o presidente da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios, Iñaki Barrón.

Con esas dúbidas, a CIAF xa está elaborando o seu informe. Un xulgado de Montoro, en Córdoba, será o encargado de abrir a súa propia investigación. As incógnitas xeraron un debate sobre a seguridade da rede ferroviaria que leva un mes aberto na política española.

"Xogaron á ruleta rusa coa nosa seguridade. Este era un accidente evitable, non unha catástrofe imprevisible", denunciaba o presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, durante a súa intervención no cara a cara co presidente do Goberno no Congreso.

"É seguro. O noso sistema ferroviario é dos máis seguros do mundo", retrucaba Pedro Sánchez.

"Toda estas liortas no Parlamento e no Senado non é o que os afectados estamos esperando. Moi lonxe diso, agardamos dende o principio unhas explicacións que nunca nos deron, nin pasado un mes, aínda non as temos", reclamaba hoxe en Canal Sur Mario Samper, un dos sobreviventes do accidente e que coordina un grupo con outros feridos e familiares das vítimas.

"Estes accidentes teñen que servirnos para aprender", engadía Pepa Páez, a secretaria xeral do sector ferroviario de CCOO durante a concentración ante o Ministerio convocada polos sindicatos días despois do accidente para reclamar máis seguridade.

Mentres agardan respostas, os afectados seguen recibindo homenaxes. Houbo, lembremos, 46 falecidos e 125 feridos tiveron que ser hospitalizados. Un mes despois do accidente, varios volveron a Adamuz, onde a Junta de Andalucía celebrou este mércores un consello de goberno extraordinario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade