A Xunta convoca 100 prazas en centros sanitarios de difícil cobertura
Segundo a Xunta, destas 100 prazas, 41 pertencen a diferentes categorías de facultativos especialistas en hospitais comarcais, 27 son de médico de urxencias e 32 pertencen á categoría de pediatra de atención primaria
Do total de prazas, 7 reservaranse á quenda de discapacidade xeral
Imaxe de médico/a (Xunta de Galicia)
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes os decretos de dúas novas ofertas de emprego público con 123 prazas de persoal estatuario, das que 100 prazas teñen como obxecto cubrir postos de difícil cobertura nos diferentes centros sanitarios.
Segundo informa a Xunta nun comunicado, destas 100 prazas, 41 pertencen a diferentes categorías de facultativos especialistas en hospitais comarcais, 27 son de médico de urxencias e 32 pertencen á categoría de pediatra de atención primaria.
Do total de prazas, 7 delas estarán reservadas á quenda de discapacidade xeral.
Con esta oferta a Xunta complementa a aprobada a través do Decreto 52/2025, do 23 de xuño, e esgota a taxa máxima de reposición de efectivos autorizada pola lexislación básica do Estado, que é do 120 %, ao tratarse dun sector prioritario.
Doutra banda, a publicación do DOG inclúe un total de 23 prazas vinculadas ao ámbito da saúde pública e da administración sanitaria e o sistema de selección será o de concurso-oposición.
En concreto, convócanse 5 prazas de farmacéutico inspector de saúde pública, 7 de inspector médico (1 reservada á quenda de discapacidade), 1 de licenciado en ciencias biolóxicas e 10 de subinspector sanitario (1 reservada á quenda de discapacidade).
De igual maneira que no pasado ano, con esta oferta, a Xunta esgotará a taxa máxima de reposición de efectivos autorizada, que é do 110 %, ao tratarse dun sector non prioritario.