50.000 persoas renuncian a herdanzas en España para evitar débedas e conflitos familiares
Os datos do Consello Xeral do Notariado constatan que os desestimentos aumentaron na última década
Aínda que é minoritario, Galicia é a terceira comunidade autónoma coa maior taxa de rexeitamentos
Non todas as herdanzas chegan pola porta grande. O último reconto do Consello Xeral do Notariado confirma que a cantidade de renuncias a herdanzas aumentou na última década, son máis de cincuenta mil cada ano en España. A cifra inclúe todas as persoas que renunciaron a un legado, aínda que se trate dunha mesma herdanza e alguén acabe por aceptala. É un fenómeno minoritario pero notarios e avogados perciben un incremento.
As causas son variadas pero hai dúas razóns fundamentais. A primeira: non ter que asumir as débedas que tiña o falecido. Ás veces, incluso, esas débedas non se coñecen e os herdeiros levan unha sorpresa ao saber que o seu ascendente tiña contratado un crédito rápido, por exemplo.
"Hai dez ou quince días tivemos unha renuncia tanto dun fillo como dos substitutos do fillo que estaban designados no testamento precisamente porque as débedas eran moi importantes nesa herdanza", relata o veterano notario Ernesto Regueira, que é tamén o delegado do Colexio de Notarios en Vigo.
Pero en Galicia, en realidade, hai poucas herdanzas con débedas. Polo contrario, aquí a tradición é o aforro. E cando queda patrimonio aparece a segunda causa relevante nas renuncias de herdanzas: evitar un conflito familiar pola repartición dos bens. Se non se chega a un acordo, o asunto pode rematar nos tribunais.
"Ultimamente están a chegarnos casos de moita conflitividade e moita dificultade para chegar a acordos na repartición", asegura Jesús Manuel Soaje, avogado do despacho especializado Sabemos de Herencias de Vigo.
E acontece moi poucas veces pero, se todos os posibles herdeiros renuncian ou se non hai ningún herdeiro, o legado acaba sendo para a administración. No caso de Galicia, para a Xunta. Pero a lei protexe o ben público: a administración só recibe unha herdanza se é en positivo. Se carrea débedas, nin cobra nin paga nada.