Publicador de contidos

Publicador de contidos

As obras na liña do Miño obrigan a pechar un mes a estación de Vigo-Guixar

As obras na liña do Miño obrigan a pechar un mes a estación de Vigo-Guixar

A modernización da liña do Miño limita a circulación de trens entre Vigo, Redondela e Guillarei

Ata a vindeira primavera un treito das viaxes a Ponferrada e a Porto terán que facerse por estrada

G24.gal 07/04/2026 14:50

O ferrocarril de Vigo cambia de vías. As obras de modernización da liña convencional do Miño (Ourense-Vigo) impoñen dende este martes varias modificacións nas conexións por tren. Por unha banda, afectan os trens rexionais con Pontevedra, Santiago e A Coruña que ata agora tiñan saída e chegada na estación de Guixar e circulaban pola vía antiga. Durante un mes, operarán dende a outra estación da cidade, a de Urzáiz.

A viaxe polo Corredor Atlántico será algo máis rápida pero a cambio haberá cambios nalgunhas paradas. Segundo explica Renfe, as paradas de Redondela, Redondela Picota e Cesantes quedan suprimidas e trasládase o servizo á estación de Redondela Alta Velocidade, que está noutra zona da vila. Esa situación manterase durante un mes. 

Ademais, haberá que facer algúns traxectos en autobús durante aproximadamente un ano. Corresponden aos trens Vigo-Ponferrada e ao Tren Celta internacional Vigo-Porto. Como non poderán circular no treito entre Redondela e Guillarei, en Tui, serán reemprazados por autobuses. Nun caso ata Ourense e, no outro, ata Valença do Miño, a primeira estación de Portugal.

"A verdade é que xa me pasou algunha vez neste mesmo tramo de Porto", conta un mozo.

"Pero hai moitas persoas que cando viaxamos en bus pode darnos un pouco de mareo", apunta outra pasaxeira.

"A min dáme igual ir en tren ca en autobús", asegura unha muller que viaxa a Ourense.

"Sacamos o billete e ninguén nos dixo nada, pero non temos présa, somos viaxeiros sen présa", explica outro home.

As obras forman parte do plan de modernización da liña do Miño. Nesta primeira fase haberá traballos en 36 km, tanto nas vías como nos túneles e na sinalización.

"Nós consideramos que é o primeiro paso para mellorar esta liña, que ten que continuar e que ten un importante potencial", valora o coordinador ferroviario do sindicato CGT en Galicia, Juan Francisco Sánchez.

Para completar a obra queda todo o tramo entre Guillarei, no concello de Tui, e Ourense. Son 96 km máis, que están aínda nunha etapa moi inicial porque o Adif simplemente licitou a redacción dos proxectos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade