Ramón Bermejo: "Escollemos a xente do Coro pola súa enerxía, todos suman"
O Coro da Ra celebra os seus 30 anos cun concerto homenaxe aos máis de 300 cantantes que pasaron polo coro, entre eles: Nastasia Zürcher, Mónica de Nut, Najla Shami ou Narci Rodríguez
Concerto Coro da Ra 30 aniversario, 17 de decembro no Auditorio de Galicia
Cantar nun coro eleva o nivel de satisfacción, xera felicidade e favorece que entremos en contacto coa nosa dimensión emocional. Estes son só algúns dos beneficios que, segundo os científicos, nos proporciona cantar con outras persoas.
Seguramente disto sabe moito Ramón Bermejo, profesor de técnica vocal e director do Coro da Ra. Un coro que fai 30 anos e que o vai celebrar cun gran concerto o vindeiro día 17. Son trinta anos de música a capella polos que pasaron máis de 300 voces, cun repertorio que transita polo soul, o gospel, o jazz, o pop, o rock. Tres décadas de intenso traballo, de ensaios, de concertos, de 'concertos comando' tamén polas rúas.