Marian Mouriño non pensa na destitución de Benítez
A nova directiva que preside Marian Mouriño mantén a súa confianza no técnico madrileño

A pesar de asinar o peor inicio como local en Primeira División e gañar unicamente un partido nas 15 primeiras xornadas, o Celta non pensa na destitución do técnico Rafa Benítez antes do partido do próximo luns contra o Raio en Vallecas, informaron a Efe fontes do club.
A nova directiva que preside Marian Mouriño mantén a súa confianza no técnico madrileño, a quen o pasado verán asinaron cun contrato ata o 2026. O técnico madrileño dirixiu esta mañá o adestramento que o plantel realizou na cidade deportiva Afouteza despois de empatar onte á noite contra o Cádiz, nun partido no que xogou 70 minutos cun futbolista máis pola expulsión do central gaditano Víctor Chust.
O equipo vigués é, xunto ao Almería, o único que aínda non celebrou un triunfo no seu estadio esta tempada. O Celta suma catro derrotas (Osasuna, Real Madrid, Mallorca e Atlético de Madrid) e catro empates (Alavés, Xetafe, Sevilla e Cádiz) nos seus oitos partidos como local.
A tempada do Centenario está a ser un calvario para o celtismo. Ninguén intuía o pasado verán, sobre todo polas sensacións ofrecidas durante a pretemporada, que o equipo de Rafa Benítez estaría tan abaixo na clasificación. O Celta, despedido cunha sonora pitada ao finalizar o encontro de onte á noite, atópase en postos de descenso a Segunda con nove puntos, dous menos que o Mallorca que marca a barreira da permanencia.