Manciña do Celta contra a crise de resultados diante do Rácing (5-0)
Abriu a conta Hugo González, e despois marcaron Ilaix, Román e Pablo Durán (2)
O Celta marcha á parada con boas sensacións e sete puntos na Liga
A sétima foi a vencida e a primeira vitoria para o Celta na Liga. O triunfo chegou logo dun inicio dominante por parte do Rácing, máis cómodo no campo e con maior posesión da pelota.
Pero pasada a media hora unha xogada mudou o signo do partido. Jutglá buscou un autopase que Belochian interceptou coa man. Trala revisión no VAR, De Burgos Bengoetxea sinalou penalti que Hugo González, unha das sete novidades viguesas respecto o partido europeo, transformou no un a cero estreándose como goleador na Primeira división.
O tanto revitalizou o Celta e deprimiu o Rácing superado pola nova situación do partido. Jutglá puido facer o segundo, pero atopouse con Aguirrezabala, o único intocable da derrota ante o Barcelona. E Iñigo Vicente buscou o empate nun lazamento de falta bloqueado por Radu.
Precisamente, unha perda de Iñigo Vicente ante Ilaix Moriba provocou o segundo tanto celeste. O centrocampista recupera e dun duro disparo lograba o dous a cero.
A volta da caseta o Rácing tentou recurtar canto antes para meterse no partido nun remate no que Pablo Román tentou sorprender a Radu. Pero o que chegaron foron dous novos goles célticos. O primeiro nun zapatazo de Miguel Román imparable para Julen no minuto 68.
E nove despois, un centro de Hugo Alvarez aproveitao Pablo Durán para poñer o catro a cero no marcador. O dianteiro tan só levaba un cuarto de hora no campo. En corenta e seis minutos, os de Giráldez lograron máis goles que nos 572 anteriores.
O de Tomiño repetiría no tempo engadido grazas a outro envío de Hugo Álvarez que pechou a goleada céltica ante un Aguirrezabala que recibiu trece goles en tres días.