Veciños da Estrada denuncian a perigosidade da curva de San Paio

Rexistráronse tres accidentes en tres meses na mesma zona

Segundo relatan, moitos coches perden o control ao saír da curva cando chove

G24.gal 06/11/2023 14:05

Tres accidentes en tres meses acaban coa paciencia dos veciños da rúa San Paio, na Estrada. As saídas de vía son constantes ao saír desta curva do casco urbano, sobre todo cando chove. O máis afectado é Enrique, xa lle levaron por diante sete veces o peche da casa.

"Veñen a máis de 50 e perden o control, ás veces vanse contra a gasolineira do outro carril e de volta para atrás contra meu peche, xa van sete veces", comenta Enrique.

"Hai moitos accidentes nesa curva, algo pasa, non é normal".

"Cando leva tempo sen chover, veñen as primeiras chuvias e os coches vanse con máis facilidade. Pero se vas a 50 non pasa, eu creo que é exceso de velocidade", din outros veciños.

Polo de agora non pasou nada grave, porque non viñan coches no outro sentido nin pasaba xente pola beirarrúa. Pero os veciños teñen medo e dan ideas para previr máis accidentes.

"Poderían botar asfalto antiderrapante ou poñer bandas rugosas, ou un semáforo que multe a máis de 50, xa verías como non pasaba máis", propón Enrique.

A poucos metros da curva conflitiva o perigo continúa. Hai uns días unha furgoneta de repartimento de pan batía contra este muro de formigón. Os veciños temen que tanto susto acabe algún día en desgraza.

"Por aquí pasa moita xente a pé, é un perigo".

"Deberían facer algo, é unha pena tanto accidente, penso que se podería evitar", explican estes veciños.

Hai dous anos o Concello eliminou o pulido do asfalto para gañar adherencia, pero semella que a medida non resolveu o problema. Por iso a veciñanza pide novas actuacións, destinadas fundamentalmente a evitar excesos de velocidade na zona.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade