Unha parella galega, campioa do mundo de bachata

O premio axudaralles a continuar coa súa academia de baile, que acaban de inaugurar

G24.gal 27/11/2023 20:47 Última actualización 27/11/2023 21:19

Noelia e Pedro comparten a paixón polo baile que os converteu en parella sentimental e profesional. 

"Con dezaoito anos eu marchei para o Exército a Cádiz e alí aprendín a bailar. Gustoume tanto que ao final deixei o Exército", conta Pedro Gestido.

"Eu nacín en Suíza e con quince anos os meus pais volveron á terriña. Eu estudei aquí e formeime como mestra en lingua estranxeira inglesa. Tiven un accidente e dixen: pois agora si que lle vou dedicar o tempo que eu quero ao baile. A nosa historia empeza sendo el o meu profesor e eu a súa alumna. Decidimos dar o salto e facernos parella oficial de baile", engade Noelia Rodríguez, a outra integrante da parella.

Estes dous galegos acaban de facer realidade un soño: converterse na mellor parella do mundo de bachata. Todo un reto; foi no berce deste baile, na República Dominicana.

"Dicíannos que se eramos de Barcelona, porque se concentra moito o baile alí, e eu dicíalles que eramos galegos, de Vigo, e dícíannos que como se podía bailar tan ben en Vigo, que non sabían que había tanto 'flow'. Pois xa vedes, aquí o tedes", relata Noelia.

"Persoalmente era un soño que tiñamos e ao final conseguímolo", explica Pedro.

O seu segredo, traballo e moito corazón.

"Moito traballo, moita dedicación e sobre todo cariño polo que fas", aclara Pedro.

"Con moito corazón, e se ti escoitas e sentes desde dentro o que fas ao final exprésalo o mellor que podes", engade Noelia.

Quedan coa gratificación persoal, pero esta medalla de ouro ten outra cara, os cinco mil dólares de premio que lles axudarán noutro soño, na academia de baile que xuntos acaban de inaugurar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade