Unha palleira convertida en biblioteca en Esgos

O inmoble, doado por unha veciña, foi rehabilitado por César Portela conservando a estrutura e os elementos tradicionais

G24.gal 09/11/2023 21:06 Última actualización 09/11/2023 21:28

Levaba décadas en ruínas, testemuña de como o tempo foi mudando os costumes. Agora as súas paredes de pedra, novamente en pé, xa non albergan ás colleitas senón o coñecemento.

Mario Rodríguez, alcalde de Esgos: "As palleiras tiñan esas táboas por fóra para que entrara o aire, e mantivéronse. Mantívose a filosofía dunha palleira, aínda que agora é unha biblioteca".

O proxecto, deseñado por César Portela, chama a atención non só polo seu exterior, como comentan varios usuarios, que subliñan o seu carácter acolledor co predominio da madeira. Con 15 anos de historia e varios recoñecementos polo seu labor de fomento de lectura, a biblioteca de Esgos precisaba dun novo espazo para dar servizo ao incremento de usuarios. Con pouco máis de mil habitantes, realizan uns 800 préstamos ao ano. 

María Touza, bibliotecaria de Esgos : "Veñen a por libros pero tamén a usar o ordenador, ler a prensa ou simplemente a pasar a tarde".

Porque nun concello rural coma este, as bibliotecas tamén son puntos de encontro entre xeracións. Novos usos que permiten conservar valores patrimoniais como este inmoble catalogado por patrimonio e doado ao concello pola súa propietaria coa única condición de que a espazo leve o nome do seu pai. Ao carón, outra palleira xemelga que o goberno local quere adquirir para destinar tamén a uso cultural.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar