Os comuneiros de Gondomar colocarán caixas de madeira para favorecer a restauración ecolóxica
Os comuneiros de Couso replicarán nos seus montes unha experiencia pioneira sueca, dentro do proxecto europeo GIFT
Os comuneiros de Couso, en Gondomar, porán en marcha un proxecto pioneiro en Galicia inspirado nunha experiencia de restauración forestal sueca. Colocarán nos seus montes caixas ecolóxicas de madeira para reproducir as cavidades das árbores máis vellas, hábitats que favorecen a conservación de especies esenciais para o ecosistema.
"Pretende replicar o biotopo das antigas cavidades que hai nas árbores vellas para crear ese hábitat para que réptiles, aves, artrópodos... poidan aniñar e reproducirse", explica Enrique Luis de Salvador, director do Instituto de Estudos do Territorio.
A actuación forma parte do proxecto europeo GIFT e procura mellorar as políticas rexionais de conservación forestal a través da cooperación entre países. As caixas cóbrense con materiais orgánicos, como cascas, follas ou pólas. Búscase potenciar a capacidade dos montes para actuar como espazos de vida multiespecie e paliar os efectos da ausencia de árbores vellas causada polos incendios, os monocultivos e a explotación forestal intensiva.
"É difícil atopar esas cavidades nas árbores porque as plantacións son novas. Con isto queremos provocar a veteranización desas plantacións", concreta.
Con esta participación, Couso consolídase como referente galego en xestión forestal. Desde hai anos, a comunidade de montes traballa cun enfoque integral que, xunto aos aspectos produtivos, incorpora propostas educativas e culturais.