Un incendio dana tres embarcacións na mariña seca de Camariñas

A principal hipótese apunta a que puido ser un incendio intencionado

A lancha onde se orixinou o lume quedou totalmente calcinada
G24.gal 27/11/2023 14:47

Foi con nocturnidade, e cren que tamén puido facerse con aleivosía. O incendio declarouse de madrugada nunha das embarcacións que estaba a reparar na mariña seca de Camariñas. Tiña uns sete metros de eslora, e quedou completamente arrasada.

O lume queimou tamén a popa doutra embarcación, e o costado dun veleiro holandés que varou na vila para reparar a quilla despois de bater coas candorcas.

O propietario da lancha máis danada xa denunciou os feitos na Garda Civil. Cre que foi un ataque intencionado, porque recibira ameazas verbais de alguén que lle dixo concretamente que lle ía queimar o barco.

No porto de Camariñas de momento non se mollan a opinar, pero din que xa non é a primeira vez que pasa algo así. Contan que hai unhas semanas picáronlle as rodas ao carro da lancha que ardeu.

Non hai vixilancia nin cámaras de seguridade, e ninguén viu nada nin daquela nin agora. A Garda Civil de Camariñas investiga os feitos, e serán as compañías de seguros as que teñan que poñerlles a cifra aos danos provocados. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade