Atacado un buque de guerra dos EUA e varios barcos de carga no Mar Vermello

O Pentágono confirmou os ataques nestas augas onde medra a tensión pola guerra de Gaza

G24.gal 03/12/2023 19:37 Última actualización 03/12/2023 20:01

Un buque de guerra dos Estados Unidos e varios barcos comerciais foron atacados este domingo no Mar Vermello, en Oriente Medio, segundo informou o Pentágono.

De acordo coa cadea ABC News, o destrutor USS Carney "derrubou varios drons que ían na súa dirección desde áreas controladas polos xutís no Iemen".

A Mariña británica tamén informou "dun ataque por parte de sistemas aéreos non tripulados" no Mar Vermello, en concreto nas proximidades de Bab el-Mandeb, preto das costas do Iemen, e instou os buques que navegan pola zona a "tomar precaucións".

Ataques contra buques comerciais

Os rebeldes xutís do Iemen, apoiados por Irán, reivindicaron ataques con mísiles e drons contra os buques de carga Unity Explorer, con bandeira das Bahamas, e Number 9, de Panamá, mentres transitaban por estas augas, escenario dunha crecente tensión pola guerra na franxa de Gaza.

O voceiro militar dos xutís, Yahya Sarea, dixo nun discurso televisado que os insurxentes "levaron a cabo unha operación contra dous barcos israelís" no estreito de Bab el-Mandeb, e identificounos cos mesmos nomes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade