Thomas Scrubb pide "fame" para gañar na pista do Manresa

É o xogador máis utilizado por Moncho Fernández, cunha media de 33 minutos por encontro, e media case 16 créditos de valoración por choque

G24.gal 14/11/2023 12:15 Última actualización 14/11/2023 12:30

O internacional canadense Thomas Scrubb, pediu este martes “fame” ao seu equipo para sumar a segunda vitoria consecutiva na pista do Baxi Manresa, tras dobregar o domingo ao Baskonia.

“Manresa ten un estilo similar ao noso, xoga a un ritmo alto e ademais farao na súa casa, que sempre é un plus. As últimas dúas veces que fomos alí non nos foi ben, temos que ir con fame para conseguir a vitoria nunha pista moi difícil”, declarou o escolta, despois de recibir o premio Estrela Galicia ao mellor xogador obradoirista do mes de outubro.

Thomas Scrubb é unha peza fundamental no sistema de Moncho Fernández. É o xogador máis utilizado polo técnico santiagués, cunha media de 33 minutos por encontro, e media case 16 créditos de valoración por choque (11,9 puntos, 4,1 rebotes e 1,8 asistencias de media por partido).

“Este ano cheguei tarde á pretemporada por culpa da lesión e a preparación do Mundial coa miña selección, por iso estame custando máis coñecer o xogo dos meus novos compañeiros. Pero estou contento, a medida que avance a tempada xogaremos mellor”, indicou.

O canadense, que o pasado verán ampliou o seu contrato co club ata o 2025, mostrou a súa ambición para esta tempada.

“Queremos mellorar o que fixemos o ano pasado”, e destacou o “gran traballo defensivo” que realizaron o pasado domingo para frear a “calidade individual” do Baskonia.

“Foi un partido moi divertido, incrible. Jordan –Howard- estivo silencioso durante todo o partido e tamén na primeira prórroga, e logo converteuse no factor determinante na segunda”, lembrou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar