Tanques israelís entran en Gaza por primeira vez adiantando "próximas etapas do combate"

O Exército de Israel di que realizou unha breve incursión "para preparar o campo de batalla" e "abandonaron a zona ao finalizar"

Netanyahu advertiu este mércores que haberá "intervención terrestre" na franxa palestina

Os líderes da UE debaten un borrador para pedir unha tregua en Gaza

Blindados israelís acceden á franxa de Gaza tras derrubar parte do valo que pecha o territorio palestino
G24.gal 26/10/2023 10:04 Última actualización 26/10/2023 14:55

O Exército de Israel realizou unha breve incursión con tanques no norte da Franxa de Gaza previo a "próximas etapas do combate" contra o grupo islamita Hamas, segundo informou un portavoz militar este xoves, un día despois de que o primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, reafirmara que as súas tropas farán unha "intervención terrestre" no enclave palestino.

"Durante a noite as Forzas de Defensa de Israel levaron a cabo unha incursión selectiva utilizando tanques no norte da Franxa de Gaza, como parte dos preparativos para as próximas etapas do combate", indicou o portavoz militar.

Na operación, "os soldados localizaron e atacaron numerosos terroristas, infraestrutura terrorista e postos de lanzamento de mísiles antitanque", explicou.

Así, as forzas israelís "operaron para preparar o campo de batalla" e "abandonaron a zona ao finalizar", subliñou.

Á súa vez, segundo agregaron, "avións de combate israelís atacaron máis de 250 obxectivos" de Hamas no último día, o que incluíu "centros de comando operativo, túneles e lanzadores de foguetes situados no corazón de áreas civís", desde onde o Exército alegou que as milicias dispararon durante toda a guerra".

Desde que Israel declarou a guerra contra Hamas o 7 de outubro, tras un ataque masivo do grupo islamita que deixou máis de 1.400 mortos, as tropas israelís xa realizaron breves incursións terrestres no norte da Franxa, mentres sosteñen os seus constantes bombardeos que deixaron máis de 7.000 mortos no enclave.

Do seu lado, as milicias palestinas de Gaza continuaron lanzando foguetes cara a distintos puntos de territorio israelí ata a noite do mércores, e por primeira vez desde o comezo da contenda, en dirección á cidade de Eilat, no extremo sur de Israel.

A noite do mércores, Netanyahu reafirmou nunha locución televisada que "haberá intervención terrestre en Gaza" e que "se traballa contra reloxo" nos preparativos.

Doutra banda, o mandatario israelí reiterou a orde de que todos os civís de Gaza abandonen o norte da Franxa, a pesar de que non hai condicións de seguridade para iso.

Máis dun millón de palestinos, a metade da poboación da Franxa de Gaza, foron desprazados cara ao sur -onde tamén levan constantes bombardeos por parte das forzas israelís- no medio dunha crise humanitaria sen precedentes tras o corte total de auga, alimentos, medicinas, electricidade e combustible por parte de Israel.

Moitos non quixeron ou non puideron evacuar por ter familiares enfermos ou discapacitados, mentres moitos hospitais xa colapsaron e non poden atender os máis de 17.000 feridos, a inmensa maioría nenos, mulleres e anciáns, pois a axuda humanitaria que entrou pola fronteira con Exipto é insuficiente. 

Os mortos en Gaza superan os 7.000 

Polo menos 7.028 palestinos morreron e outros 18.484 resultaron feridos polos bombardeos israelís sobre a Franxa de Gaza, informou este xoves o Ministerio de Sanidade do enclave. Entre os falecidos hai polo menos 2.913 nenos, 1.709 mulleres e 397 anciáns.

Son xa case tres semanas de conflito e a axuda humanitaria é cada vez máis urxente. Mentres un convoi de 12 camións chegaba con medicamentos, pero sen combustible, os líderes da Unión Europea reclamaban corredores para facer chegar todo o necesario.

Máis dun terzo dos hospitais de Gaza están paralizados, mentres na fronteira permanece bloqueado un cargamento de produtos enviados pola Organización Mundial da Saúde.

Nas últimas horas Hamas convocaba protestas masivas para venres e domingo en todo o ámbito musulmán para reclamar a apertura da fronteira con Exipto en Rafha.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade