Repenique polos 30 anos do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade

A ruta de peregrinaxe celebra o aniversario cun badaleo simultáneo en varios puntos do percorrido

Os campaneiros Alejandro, da parroquia de Pantiñobre, e Lorenzo de Fene. EFE/Lavandeira jr
G24.gal 10/12/2023 12:29 Última actualización 10/12/2023 16:28

Os campaneiros Alejandro e Lorenzo tocan a campá da igrexa de San Infrutuoso nun repenique que se repite en varias igrexas de Santiago. Anuncian a celebración do trinta aniversario da declaración do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade.

Comezaron a badalear ás once e media da mañá de xeito simultáneo no primeiro dos actos conmemorativos organizados pola Xunta, en colaboración coa Asociación Campaneiros de Galicia.

Esta noite, a torre do reloxo da Berenguela estrea unha iluminación especial que poderá contemplarse todas as noites da vindeira semana.

Semana de celebración

A programación continúa o martes coa inauguración, no Museo das Peregrinacións, da exposición Acollida e Hospitalidade no Camiño de Santiago, que contará cun xogo a modo de scape room virtual para o público infantil, do 12 ao 17 de decembro.

O mércores 13, ás 19:00 horas, a igrexa de San Martiño Pinario acollerá un concerto gratuíto de música sacra dos séculos XII e XIII vinculada á peregrinación. As entradas poden retirarse na Oficina do Peregrino de Carretas e na Oficina de Turismo de Galicia.

O xoves 14 presentarase o libro Cronoloxía Xacobea, unha visión de conxunto das peregrinacións compostelás, e o venres 15 reunirase o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e presentaranse as actas do XII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos.

Acto central

A semana de celebracións termina o sábado 16, co acto central da efeméride, con varias mesas redondas para afondar no Camiño de Santiago desde distintas perspectivas. Repasaranse as tres décadas desde que obtivo o recoñecemento da Unesco e reflexionarase sobre o futuro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar