Seis detidos por roubos continuados no punto limpo de Boqueixón

Vendían a chatarra roubada nunha chatarrería do Porriño, chegando a obter beneficios de máis de 16.000 euros

A cámara de seguridade do recinto capturou o método de roubo dos detidos
G24.gal 27/11/2023 09:34

Seis persoas, unha delas menor de idade, foron detidas no marco da operación LUBU, iniciada en outubro, por roubos no interior do punto limpo do polígono de Sergude no concello coruñés de Boqueixón . Estanse a investigar outras dúas persoas.

Os detidos son estranxeiros, residían na Estrada e formaban parte da mesma familia. Dedicábanse a roubar e transportar a chatarra a unha chatarrería do Porriño para despois vendela, obtendo uns beneficios superiores aos 16.000 euros entre os meses de outubro e novembro.

O seu modus operandi consistía en entrar ao punto limpo nos días de apertura ao público. Estacionaban na parte traseira do lugar en horas previas ao peche e mentres un vixiaba, os outros roubaban, tendo preferencia polo material tecnolóxico e electrodomésticos. Ademais, contaban nalgunhas ocasións coa axuda dun empregado municipal do recinto, que lles facilitaba o acceso ás instalacións a cambio de dádivas, presuntamente.

As investigacións comezaron debido ao aumento significativo do número de furtos no interior do punto limpo. Xerouse así unha alarma entre a empresa que xestiona o ecoparque e outras empresas situadas no polígono, sendo denunciadas polo consistorio local no Posto da Garda Civil en Lestedo.

Nesta operación, levada a cabo polo Equipo ROCA da Garda Civil de Santiago, en colaboración co Posto de Lestedo e o apoio da patrulla de Santiago, cinco dos membros foron detidos na flagrante mentres realizaban un novo roubo. Os outros dous detivéronse despois.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar