Rueda prevé que o Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia estea en funcionamento o ano que vén

Investíronse 14,8 millóns de euros para rehabilitar o antigo edificio da Audiencia Provincial de Pontevedra

O conselleiro de Sanidade asegura que se trata dunha "obra que se dimensiona con función de futuro"

G24.gal 24/11/2023 16:08

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o titular de Sanidade, Julio García Comesaña, visitaron este venres as obras do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia, no que era o antigo edificio da Audiencia Provincial de Pontevedra en Vigo. Nesta actuación investíronse 14,8 millóns de euros e o Goberno autonómico pretende ter en funcionamento nun ano.

O presidente autonómico explicou ao pé das obras que en 2024 debería estar "a funcionar", así como tamén dixo que se trata dunha instalación "moderna", cun "deseño complexo", xa que se aproveitou a estrutura do inmoble anterior, e que "debe funcionar ben".

Rueda tamén precisou que, xunto ao persoal sanitario, aínda están "a tempo de facer adaptacións e melloras" para a función que terá o edificio. O presidente considerou un "acerto" que a Audiencia se trasladase á Cidade da Xustiza, no antigo Hospital Xeral de Vigo, onde se recuperou "un edificio emblemático".

"Cando un edificio deixa de ter a finalidade á que está dedicado hai tres opcións: demolelo, darlle unha segunda vida, que é o que fixemos, ou deixalo e que sexa unha ruína", apuntou o presidente da Xunta.

Este novo Centro Integral de Saúde (CIS) de Vigo será tamén unha "homenaxe" á primeira xinecóloga de Vigo, Olimpia Valencia, que dá nome ao complexo.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quixo destacar que esta infraestrutura confirma que a Xunta continúa "apostando por atención primaria en xeral e, aquí, en Vigo, en particular".

Esta será a infraestrutura que substituirá o centro de saúde López Moura, "que deu todo o que tiña que dar", segundo explicou o titular de Sanidade. Tamén engadiu que esta é unha "obra que se dimensiona con función de futuro", cunha "capacidade de crecemento no ámbito asistencial para chegar a 42.000 cidadáns".

Novo concepto do espazo

Antes da visita á obra, o persoal técnico explicou que se trata dun proxecto de rehabilitación e adaptación a un novo uso dun volume rectangular de máis de 7.000 metros cadrados de altura, repartidos en 7 plantas, o que supuxo "todo un reto".

Tamén se tratou de optimizar e achegar luz natural ás zonas de espera, á vez que incidiron en tratar de mellorar a eficiencia enerxética e sustentabilidade.

A celosía exterior levará piñeiro natural tratado e incluirá 20 unidades de consultas de medicina xeral e 20 de enfermería. O espazo tamén acollerá 8 consultas de pediatría, 8 de enfermería pediátrica, 2 consultas de odontoloxía e áreas de atención á muller. As instalacións terán o seu espazo para rehabilitación, telemedicina, docencia e administración ademais dunha base do 061 no soto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade