Obradoiros, conferencias e cociña en vivo nunha nova edición de Xantar

Ourense acolle ata este domingo a única Feira Internacional de Turismo Gastronómico acreditada da península Ibérica

G24.gal 04/11/2023 21:23 Última actualización 04/11/2023 22:20

Xantar é toda unha guía de viaxe por moitos dos destinos gastronómicos non só de Galicia, senón tamén do resto de España e Portugal. Restaurantes, cociña en vivo, obradoiros e conferencias son algunhas das actividades que conforman a feira este ano.

Camiñar entre os postos do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que se celebra en Ourense, é facelo nunha especie de cociña para todos. E para abrir apetito nada mellor ca un vermú cunha proposta innovadora.

"Maridalo neste caso con algo que queremos recuperar, que é os sabores e a cociña tradicional, maridando o vermú cunha tapa de culler." Explica Xosé Regueira, concelleiro de Turismo do Concello de Carballo".

E de Carballo aos sabores de Trevinca.

"Mel, faba loba, que fixemos a degustación esta mañá, e marmelo."

Produtos da terra tratados con agarimo son o mellor reclamo, din, para moitos dos que visitan a feira.

"O corte a man dálle un plus a un produto coma este, a verdade."

Tampouco faltan as sobremesas, mesmo as máis recoñecidas no país veciño.

"Trouxemos as Teresinhas que foron medalla de bronce este ano no concurso nacional de doces de Portugal, e o calondro, que foi medalla de prata este ano."

E se falamos de galardóns tamén os produtos galegos sacan peito nesta edición de Xantar.

"Este queixo mouro é un semicurado de pasta branda elaborado con leite cru de vaca pero bañado en café e canela. Está tendo moitísimo éxito, de feito xa non só a nivel galego senón tamén a nivel internacional."

E entre proba e proba tempo hai tamén para escoitar e falar. Hoxe deses alimentos galegos que favorecen a lonxevidade.

"As propiedades do grelo, do allo, da pataca, mesmo do polbo, e do bacallau", apunta a farmacéutica Cristina Conde da asociación "Ourensividade."

En Xantar hai ademais restaurantes con menús pechados e zona de tapas, demostracións de cociña en directo, obradoiros, catas e conferencias. As súas portas seguen abertas en Expourense na xornada do domingo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos