Puigdemont e o secretario de Organización do PSOE reúnense para "avanzar" na investidura

Nun comunicado conxunto, as dúas formacións din que as conversas "van na boa dirección"

Feijóo acusa o PSOE de "xogar ás costas" de España

Sánchez pide apoiar a amnistía nunha carta aos militantes: "É o camiño correcto"

G24.gal 30/10/2023 19:30 Última actualización 30/10/2023 20:40

O expresidente da Generalitat Carles Puigdemont e o secretario de organización do PSOE Santos Cerdán reuníronse este luns pola tarde na sede do Parlamento Europeo en Bruxelas para "avanzar" cara á investidura de Pedro Sánchez.

Así o explicaron o PSOE e Junts nun comunicado en que se sinala que ambos coincidiron en destacar o "bo ambiente" do encontro e constataron que estas negociacións "avanzan na boa dirección", polo cal se emprazaron a seguir falando nos próximos días.

Á reunión, que tivo lugar nas dependencias que os tres eurodeputados —Carles Puigdemont, Antoni Comín e Clara Ponsatí— teñen na Eurocámara, asistiron o secretario xeral de Junts Jordi Turull, a presidenta do grupo do PSOE no Parlamento Europeo Iratxe García-Pérez e o xefe da delegación socialista no Parlamento Europeo Javier Moreno. 

Amnistía

Os negociadores están a encarrilar xa un acordo ao redor da amnistía; de feito, o presidente do Goberno en funcións e líder do PSOE Pedro Sánchez defendeu a amnistía nunha carta dirixida aos militantes en que asegura que esta medida é o "camiño correcto", xa que contribuirá a "seguir avanzando no reencontro para superar as feridas aínda abertas" en Cataluña.

Lexitimación de Puigdemont

Desde as filas de JxCat esperábase desde había semanas que un alto representante do PSOE viaxase a Bélxica para reunirse con Puigdemont como xesto gráfico de lexitimación do expresidente catalán como interlocutor político. De feito, o pasado 4 de setembro, foi a vicepresidenta segunda do Goberno en funcións e líder de Sumar Yolanda Díaz quen se reuniu con Puigdemont na capital belga, tamén na sede do Parlamento Europeo.

Feijóo acusa o PSOE de "xogar ás costas" de España

O líder do PP Alberto Núñez Feijóo reclamou ao PSOE que deixe de "xogar ás costas" dos españois e esixiulle que aclare qué negocia en Bruxelas co expresidente da Generalitat Carles Puigdemont a cambio do apoio para investir a Pedro Sánchez.

O líder dos populares pronunciouse así na rede X (antes Twitter) tras coñecerse que Puigdemont e o secretario de organización do PSOE Santos Cerdán se reuniron este luns pola tarde na sede do Parlamento Europeo en Bruxelas para "avanzar" cara á investidura de Sánchez.

"Despois da foto con Bildu, a foto en Bruxelas cun fuxido da Xustiza", escribiu en Feijóo, quen reclamou aos socialistas que "deixen de xogar ás costas dos cidadáns, digan qué negocian e acepten que os españois sexan consultados nunhas eleccións, porque non merecen un Goberno nado dunha mentira".

Así mesmo, nun vídeo difundido polo PP, o secretario de Organización Miguel Tellado opinou que o PSOE "perdeu a pouca vergoña que quedaba" tras unha reunión que se produce fóra de España e "cun prófugo da Xustiza". Pediu tamén ao PSOE que aclare "exactamente o que se está negociando" e o que se acordou para que os españois coñezan "cal é o prezo" que terá que pagar España pola investidura de Sánchez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade