Profesionais do mar e a cociña conflúen na Coruña no Foro Galicia sabe amar

O fío condutor foi, desta volta, a xestión sostible do territorio mariño

G24.gal 08/11/2023 14:34

Con 1.500 quilómetros de costa, Galicia sabe a mar. Unha despensa rica pero limitada, que urxe protexer para o futuro. Os primeiros interesados son os mariñeiros, como María, coñecida por difundir en redes o que non debe caer nunha rede.

"Se nós non respectamos un marisco que ten ovas, o que facemos é non deixalo criar. Que agardamos coller o día de mañá? Para min é moi importante amosar todo isto e que a xente estea informada cando vaia comelo", explica María Maceiras.

Pero non abonda con ter bo peixe, tamén hai que saber vendelo e protexelo no mercado con marcas como PescadeRías. Un certificado de frescura e orixe, do mar ao prato.

"Co código QR dun peixe co logotipo da marca sabemos todo o camiño que percorreu ese produto fresco, so falta poñer a cara do mariñeiro que o pescou", engade Ana Isabel Pérez, da Marca PescadeRías, de onde se non?

E nesta posta en valor os cociñeiros xogan un papel fundamental, sacando o mellor partido da materia prima e divulgando as súas particularidades.

"É importante tamén poder contar unha historia aos comensais, que saiban que hai detrás do que comen. Así valórano incluso máis, se saben a orixe", di Xoán Crujeiras, cociñeiro do restaurante Bido, do Grupo Nove.

Mariñeiros, peixeiros, influencers e cociñeiros fan equipo neste foro organizado pola Xunta para fomentar e protexer os recursos mariños.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade