Prisión provisional sen fianza para tres detidos na operación antidroga do Salnés
Outras tres persoas quedaron en liberdade
Na operación Greco Galicia incautáronse "de máis de 60 quilos de cocaína"

O Xulgado de Instrución número 5 da Coruña ditou prisión provisional comunicada e sen fianza para tres das seis persoas que pasaron hoxe a disposición xudicial, tras seren detidas esta semana nunha operación contra o tráfico de drogas, na comarca do Salnés, na provincia de Pontevedra.
Outras tres persoas quedaron en liberdade, dúas con comparecencias quincenais e unha sen medidas cautelares, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Os seis detidos que hoxe pasaron a disposición do xulgado coruñés, que dirixe a operación, están investigados por tráfico de drogas e dous deles, ademais, por branqueo.
O delegado do Goberno, Pedro Blanco, especificou que esta operación contra o narcotráfico no Salnés saldouse con sete detidos, con "máis de 60 quilos de cocaína" aprehendida.
Os primeiros arrestos tiveron lugar o mércores 22 de novembro, que continuaron con rexistros en diversas localidades da provincia de Pontevedra, entre elas Vilanova de Arousa e Cambados.
A operación, liderada polo Greco Galicia, con sede na comisaría da Policía Nacional de Pontevedra, atópase baixo segredo de sumario. Entre as persoas detidas está o vilanovés Juan Carlos Santórum, xa coñecido polas unidades antidroga, segundo as primeiras informacións.