Os veciños afectados pola riada en Neda, pendentes das aseguradoras

O Concello ve complicado que lles concedan as axudas de zona catastrófica

Riadas en Neda
G24.gal 15/11/2023 20:51

Os veciños de Santa María, en Neda, afectados pola riada da madrugada do martes, seguen retirando os estragos que causou nas súas vivendas. Intentan recuperar o máximo posible, pero a maioría dos obxectos van para o lixo.

"Tiñamos aquí o traballo de 50 anos. E agora non temos nada", di un dos afectados.

Seguen limpando o interior das vivendas mentres agardan noticias das aseguradoras para avaliar perdas e saber como os van compensar.

"O seguro díxonos que depende do Consorcio de Compensación de Seguros. Pedimos que nos mandasen un perito urxentemente, pero din que están saturados porque houbo moitos problemas en toda Galicia".

"Eu teño un desastre na casa, non quero nin pensar nas perdas", apunta outra veciña.

O Concello vai mercar colchóns e outros obxectos de primeira necesidade. Pero ve difícil conseguir a declaración de zona catastrófica.

"Imos intentar solicitar as axudas, pero que nos veñan concedidas é complicado, non o sabemos", indica o concelleiro de Servizos Sociais.

Algunhas familias aínda non poden volver ocupar as súas vivendas.

"Hai moita xente que non ten onde durmir ou cociñar. Nós polo menos temos familiares onde ir e agora estamos arranxar un pouco para quedar aquí, aínda que sexa con catro cadeiras, un somier e un colchón".

Intentan adaptarse á gravidade da situación. E manteñen un ollo posto no río. Porque volven as chuvias e temen que o Basteiro volva rebordar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar