O Obradoiro vence en Tenerife (87-92) e logra a primeira vitoria lonxe do Sar

Pustovyi, Scrubb e Howard lideraron a anotación no último cuarto e déronlle a volta ao resultado

Foto: EFE
G24.gal 02/12/2023 20:50

O Obradoiro xa ten a súa quinta vitoria da temporada, primeira lonxe de Santiago. E chegou en Tenerife, onde nunca gañara. Un gafe que rachou no último cuarto, cando os de Moncho Fernández estiveron máis atinados ca os locais. 

No primeiro cuarto, os de Moncho Fernández estiveron á sombra dos canarios. A pesar de comezar gañando, os locais rápido colleron o mando do partido e chegaron a poñerse 16-5. As tres triplas de Salim complicáronlles o partido aos visitantes. Con todo, os galegos remaron e conseguiron recortar distancias para acabar o cuarto nove puntos por debaixo (29-20). O segundo cuarto seguiu o mesmo guión, os canarios non baixaron o ritmo, e os galegos seguírono como puideron. Chegaron a perder por doce puntos, pero finalmente marcharon ao descanso 55-44.

Tras o paso polos vestiarios, o Obradoiro conseguiu darlle a volta ao encontro. Un parcial de 7-19 fixo que os de Moncho Fernández se puxesen por diante do marcador. Scrubb e Putovyi botaron o equipo ás cotas (sete e oito puntos respectivamente neste cuarto). Aínda así, comezaron as imprecisión e os erros nos últimos minutos do cuarto. Os locais volveron remontar deixando o inicio do último cuarto cun 72-69.

No inicio do último cuarto, Pustovyi e Scrubb sostiveron os seus con cadanseus catro puntos, o propio Pustovyi culminaba o traballo establecendo o 80-81 a dous minutos e medio, e Scrubb anotaba despois o 80-83. Os santiagueses entraban no treito decisivo con vantaxe e tocaba soster a anotación dos locais. Fíxoo Howard co 82-85, e Scrubb dconseguía unha gran tripla (84-88). Polo bando local era Marcelinho o que anotaba (86-88). Dous tiros libres de Howard metíanlle máis presión ao Tenerife, que xa non daba nin feito falta. Fíxoa Zurbriggen, e Marcelinho erraba o segundo, pero acababa cometendo a falta na busca do rebote. So lle quedaba a Howard pechar o partido co 87-92 e rubricar a quinta vitoria da temporada do Obradoiro, primeira lonxe do Sar.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos