O Real Madrid e a Real Sociedade poñen a directa cara os oitavos da Champions

O equipo branco derrotou sen problemas ao Sporting de Braga (3-0)

A Real Sociedade pasoulle por riba ao Benfica nun gran primeiro tempo (3-1)

O Sevilla queda contra as cordas despois de perder co Arsenal (2-0)

G24.gal 08/11/2023 22:36

O Real Madrid clasificouse de xeito matemático para os oitavos de final da Liga de Campións e ten o primeiro posto case garantido despois de sumar a cuarta vitoria noutros tantos partidos. O partido contra o Sporting de Braga foi un trámite resolto cos goles de Brahim, Rodrygo e Vinícius. A parella brasileira recuperou o tino cara ao gol perdido nas últimas datas. Lunin tamén tivo a súa dose de protagonismo parando un penalti con empate a cero no marcador. 

A Real Sociedade tamén meteu pé e medio nos oitavos de final pasándolle por riba ao Benfica (3-1). No primeiro tempo o equipo donostiarra foi un ciclón. Marcou tres (Merino, Oyarzábal e Barrenetxea) e o galego Brais Méndez mandou un penalti contra o pau. 

O Benfica recortou diferenzas ao comezo da segunda parte pero nunca estivo en disposición de discutirlle o partido. O peor do partido foron os incidentes que provocaron os seareiros portugueses nos exteriores de Anoeta. 

O equipo da Liga que peor o ten é o Sevilla. A derrota no campo do Arsenal complica moito as súas opcións, que pasan por sumar catro ou seis puntos nas dúas últimas xornadas. Trossard e Saka marcaron os goles do partido (2-0). 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade