Un Racing 'forHéber' gaña no Sardinero (1-3)

Héber Pena marcou dous goles e Carlos Vicente o outro

Os ferroláns volven gañar fóra logo de tres derrotas consecutivas lonxe da Malata

G24.gal 29/10/2023 21:21

Ningún equipo gañara esta temporada no Sardinero ata que chegou o Racing, que levaba tres xornadas sen gañar e tres partidos perdendo lonxe da Malata.

Como se esperaba, o Racing de Santander saíu moi forte e marcou o primeiro no minuto 25. Mantilla sorprendeu a defensa cun potente disparo. Non tardaron demasiado en reaccionar os de Cristóbal Parralo. Carlos Vicente aproveitou unha grande asistencia de Héber Pena para lograr o empate no 34. Terceiro gol esta temporada para o xogador aragonés.

A piques de chegar o descanso, dende o VAR chamaron o colexiado Fuentes Molina para que revisase unha acción entre Andrés Martín e Héber dentro da área. Tras analizar a xogada, decidiu sinalar a pena máxima. Lanzouna e transformouna o propio Héber. O capitán poñía por diante o seu equipo xusto antes de marchar ao descanso. A mala noticia dese primeiro tempo foi a lesión de Jon García, que tivo que ser substituído por Clemente. 

Nada máis comezar o segundo tempo, chegou o terceiro tanto. Invertéronse os papeis do primeiro. Gran centro de Carlos Vicente dende a dereita e mellor remate de Héber Pena. Cuarto tanto do naronés, máximo goleador do equipo.

O Racing tivo ocasións para aumentar a renda pero tamén soubo manter o resultado. Volve gañar fóra logo de tres derrotas consecutivas e volve sumar de tres tras tres partidos sen facelo. Chega aos 20 puntos, a tres dos postos de play-off de ascenso e con dez de vantaxe sobre os de descenso, grande obxectivo da temporada. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos