O Supremo do Reino Unido recoñece á aseguradora do Prestige o dereito a ser indemnizada
A corte británica ditamina que España e Francia incumpriron as súas obrigas de someterse a unha arbitraxe na reclamación que sostiñan fronte á aseguradora
A xustiza española establecera unha indemnización de 855 millóns de euros, que non se fará efectiva
Arquivo
O Tribunal Supremo do Reino Unido recoñeceu á aseguradora do Prestige, o petroleiro que en novembro de 2002 contaminou a costa coa vertedura de máis de 63.000 toneladas de fuel fronte a Galicia, o seu dereito para ser indemnizada.
Así o recolle a sentenza tras un preito en relación a esta cuestión e ás esixencias expostas pola aseguradora London Steam-Ship Owners'Mutual Insurance Association. Nela, determínase que poderá ser indemnizada por España, que tampouco ten opción de cobrar os 855 millóns do seguro.
Entre outras cuestións, sostén que o feito de que as partes e os árbitros empregasen a denominación "compensación en equidade" non priva á citada aseguradora do dereito ao resarcimento económico que legalmente lle corresponde por incumprimento contraactual. Fano ao estimar o recurso de apelación desta parte fronte ás pretensións de España, pero tamén do Estado francés.
No recurso, expúñase como se aplica a un contrato que contén unha cláusula de arbitraxe o principio segundo o cal un terceiro non pode acollerse ao beneficio dun contrato sen aceptar a súa carga.
En concreto, consistía en determinar se un tribunal ordinario ou un tribunal arbitral ten a potestade de conceder esa compensación polo incumprimento do que se cualificou como unha obriga en equidade de someterse a arbitraxe. Isto despois de que España non se sometese a esta.
A sentenza, que non establece contías concretas, prodúcese recoñecendo o dereito á citada compensación despois de que se expuxese unha reclamación de 855 millóns nos tribunais españois e non pola vía da arbitraxe, de acordo coa póliza existente para o barco sinistrado.
E é que aínda que a lexislación española permite acudir á xustiza para reclamar directamente á aseguradora, a póliza contratada polo petroleiro rexíase polo dereito británico e incluía esa cláusula de arbitraxe.
Deste xeito España e Francia presentaron unha reclamación ante a xustiza española, que concluíu coa sentenza que establecía esa indemnización de 855 millóns, e cando trataron de facela efectiva no Reino Unido, a aseguradora agarrouse a esa cláusula.
O proceso legal chegou ao punto no que os tribunais británicos rexeitaron a pretensión española de cobrar e agora, ademais, concede á aseguradora unha indemnización que aínda se deberá concretar.