España evacuará de Gaza uns 150 españois entre hoxe e mañá venres
España evacuará de Gaza uns 150 españois entre hoxe e mañá venres
O paso fronteirizo entre Gaza e Exipto reabre por segundo día para a evacuación de estranxeiros
Centos de persoas agardan no paso fronteirizo de Rafah poder saír do inferno de Gaza.
Salma di que "non hai comida, nin auga, nin electricidade".
A xente vai durmir aos hospitais. Ela ten pasaporte americano e agarda cruzar a territorio exipcio canto antes. Na mesma situación está Shams, quen asegura "que esta guerra é a peor que sufriron os palestinos".
Elas son dúas das persoas estranxeiras ou con dobre nacionalidade incluídas na lista do Ministerio do Interior de Exipto que poderán abandonar Gaza. Calcúlase que neste segundo día de apertura do paso serán arredor de 600. Entre elas un español que traballa para as Nacións Unidas.
Médicos sen Fronteiras confirmou que o anestesista valenciano que traballa para esta organización e que puido cruzar a fronteira nas últimas horas está ben e descansando. Di a ministra de Defensa en funcións, Margarita Robles, que no Cairo está todo preparado para ir buscar aos españois entre este xoves e o venres.
Mentres, sobre o terreo, Israel segue bombardeando a Franxa de Gaza. Polo sur avanza cara á costa. Pero tamén intensifica os ataques no norte onde os enfrontamentos foron intensos esta noite.
As tropas israelís atacaron de novo o campo de refuxiados de Jabalia. Non hai cifras oficiais, pero calcúlase que pode haber 200 mortos e máis de 120 persoas desaparecidas baixo os cascallos.
Segundo as autoridades sanitarias da Franxa, o número de mortos en Gaza supera xa os 9.000. O exército israelí recoñece 17 soldados mortos desde que comezou a ofensiva terrestre e eleva a 242 a cifra de persoas secuestradas polas milicias palestinas.