Evacuado o primeiro español de Gaza, un anestesista que traballa en Médicos sen Fronteiras
Evacuado o primeiro español de Gaza, un anestesista que traballa en Médicos sen Fronteiras
Este mércores saíron polo paso de Rafah cara a Exipto 300 palestinos e traballadores estranxeiros e 80 feridos
Israel bombardeou o campo de refuxiados de Jabalia por segunda vez en 24 horas
Tras tres semanas de inferno, a sorte empeza a cambiar para os máis de 300 cidadáns que este mércores puideron saír da Franxa de Gaza polo paso de Rafah cara a Exipto.
Palestinos con dobre nacionalidade e estranxeiros que traballaban na franxa, en oenegués e en organismos humanitarios. Entre eles está un anestesista valenciano de Médicos sen Fronteiras, Raúl Incertis, o primeiro español evacuado desde que empezou o conflito.
"Os hospitais en Gaza están racionando as horas de luz. En moitos xa só se usan para as unidades de críticos ou para facer cirurxías. E as condicións son lamentables. É unha situación realmente perigosa", di.
Nas próximas horas sairán máis. Tamén máis palestinos feridos, que se sumarán aos case 80 que foron trasladados en ambulancias a hospitais do norte de Exipto, onde van ser tratados.
Dentro da franxa non hai tregua. Hamas denunciou un novo ataque israelí ao campo de refuxiados de Jabalia, bombardeado dúas veces en 24 horas.
Hamas di que hai ducias de falecidos, entre eles sete reféns israelís. O líder da organización advírtelle a Netanyahu que cos ataques á poboación civil palestina está masacrando tamén os seus compatriotas.
Pero Netanhau argumenta que en Jabalia había ducias de milicianos agochados, e que o obxectivo é acabar con Hamas.
A operación terrestre continúa e o exército hebreo informa de que perderon 15 dos seus militares nos enfrontamentos corpo a corpo coa milicia palestina.
Israel asegura que está disposto a continuar a guerra con Hamas e que está preparado para calquera escenario, incluso para unha escalada rexional do conflito.