Galicia rexistra o número más baixo de desempregados en outubro en 27 anos

Con todo, o paro sobe en Galicia en 2.705 persoas

O paro sobe en 36.936 persoas no mes de outubro tras o remate da tempada turística

Coa subida de outubro, acumúlanse xa tres meses consecutivos de ascensos no desemprego

G24.gal 03/11/2023 08:33 Última actualización 03/11/2023 19:39

O paro rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego subiu en 36.936 persoas en outubro en relación ao mes anterior (1,3 %), lastrado, sobre todo, polo sector dos servizos, que concentrou boa parte do incremento do desemprego pola fin da tempada turística.

Coa suba de outubro, acumúlanse xa tres meses consecutivos de ascensos no desemprego. Ao finalizar o décimo mes do ano, o número total de parados mantívose por encima da barreira dos 2,7 millóns de persoas, da que baixara por primeira vez en 15 anos o pasado mes de xuño.

En concreto, outubro terminou con 2.759.404 persoas en paro, pero marca, con todo, a súa menor cifra no mesmo mes desde 2007, segundo datos publicados este venres polo Ministerio de Traballo e Economía Social, que destacou que a repunta do desemprego en outubro deste ano é "máis moderada do habitual" neste mes, cunha poboación activa e ocupada en "máximos históricos".

De feito, exceptuando os outubros de 2022 e 2021, en que baixou o desemprego, o aumento do paro en outubro deste ano é o mellor rexistro neste mes desde 2007, ano en que aumentou en algo máis de 31.200 persoas. 

O paro sobe en Galicia en 2.705 persoas

A Seguridade Social perdeu en Galicia 3.259 afiliados de media en outubro, unha caída do 0,3 % respecto ao mes anterior, o que deixa o número total de traballadores en 1.067.853, mentres que o paro aumentou na comunidade en 2.705 persoas, un 2,07 %, ata 133.348 desempregados.

Galicia rexistra o número máis baixo de desempregados nun mes de outubro en 27 anos

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, destacou hoxe o descenso do paro en Galicia con respecto a hai un ano e que sitúa a cifra de desempregados en mínimos nun outubro desde que hai rexistros.

As 133.348 persoas desempregadas constatadas supoñen a cifra máis baixa no décimo mes do ano desde 1996. Rivo destacou que, aínda que o paro subida como é habitual na lectura  mensual -pola extinción dos últimos contratos da campaña de verán e de tipo estacional como a vendima-, segue descendendo con respecto de hai un ano nas catro provincias, nas sete grandes cidades e en todos os sectores de actividade.

Galicia é a cuarta comunidade na que máis baixa o paro en número de persoas con respecto de outubro de 2022. Na lectura mensual, o desemprego sobe en todas as comunidades autónomas, salvo Madrid, neste outubro.

O mercado laboral suma 92.862 afiliados

A Seguridade Social gañou unha media de 92.862 cotizadores en outubro respecto ao mes anterior (0,45 %), impulsada, principalmente, polas mulleres, que marcaron un novo récord de ocupación, e polo incremento de cotizadores en máis de 191.000 persoas na educación como consecuencia das contratacións asociadas ao comezo do curso escolar e académico.

Con esta repunta, o sistema alcanzou os 20.817.657 ocupados, o seu nivel máis elevado nun mes de outubro dentro da serie histórica, segundo datos publicados este venres polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, que destacou que entre o 5 e o 30 de outubro se superaron de maneira continuada os 20,8 millóns de afiliados na serie diaria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade