O inverno meteorolóxico chegou con nevadas fortes a varios países europeos

A situación afecta ás comunicacións e ten ducias de localidades sen luz

O aeroporto de Múnic tivo que pechar

G24.gal 02/12/2023 20:36 Última actualización 02/12/2023 20:55

A neve obrigou a suspender por completo o tráfico aéreo no aeroporto alemán de Múnic, que o venres á noite xa tivo que anular 160 voos e este sábado tiña previstos 760 servizos.

Unha nai con tres fillos, varada no aeródromo, dicía que aínda non sabían cando poderían voar, mentres outro pasaxeiro engadía que foi ao aeroporto porque pola mañá lles dixeran que ao mediodía ían volver operar.

Finalmente, porén, informouse de que o aeródromo permanecería pechado, como mínimo, ata as sete da mañá deste domingo. Entre os voos afectados, había 62 servizos previstos con orixe ou destino en España.

As nevadas caídas no sur de Alemaña, que superaron os corenta centímetros de altura, condicionan tamén o tráfico ferroviario e por estrada. E non é o único país con dificultades debido á neve.

O temporal tamén afectou aeroportos de Escocia e de Inglaterra, con varias ducias de voos suspendidos. Nalgunhas rexións de Austria, ademais das comunicacións, as nevaradas deixaron sen luz decenas de localidades.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade