O Goberno confirma que os atrasos do tren estarán solucionados para comezos de 2024

O delegado de Goberno en Galicia, Pedro Blanco, asegura que "case todos os problemas estarán solucionados no primeiro trimestre do ano que vén"

G24.gal 15/11/2023 11:32

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, sinalou que os problemas nos trens na comunidade, nos que se producen continuos atrasos, "estarán solucionados no primeiro trimestre" de 2024. 

Tras as últimas incidencias que se produciron en diferentes estacións da comunidade, en declaracións aos medios este mércores na Coruña, Blanco despexou as dúbidas sinalando que "case todos os problemas estarán solucionados no primeiro trimestre do ano que vén". Ademais, lembrou que esta data coincide coa chegada dos trens Avril a Galicia, segundo anunciou o Ministerio de Transportes.

O delegado do Goberno en Galicia asegurou que é "consciente" da existencia de problemas no tren. Con todo, lembrou que hai "unha demanda intensiva" grazas ás bonificacións do Goberno de Pedro Sánchez. 

Por último, o delegado defendeu a xestión do Executivo central, que está "absolutamente centrado en infraestruturas", rescatando "todos os proxectos que estaban en caixóns".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade