O exército israelí asegura que está combatendo no interior de Gaza

Segundo as informacións dos israelís, os soldados tomaron o control dun bastión militar de Hamas no corazón da cidade

G24.gal 07/11/2023 18:45

O Exército israelí, que cumpre un mes de guerra contra o grupo islamita Hamas, anunciou este martes que as súas tropas están a combater no interior da cidade palestina de Gaza por primeira vez en anos.

"Por primeira vez en décadas, as Forzas de Defensa israelís están a combater no corazón da cidade de Gaza", afirmou hoxe Yaron Finkelman, comandante do Comando Sur do Exército israelí.

As tropas israelís irromperon por terra na Franxa hai dez días, despois de varias semanas de continuos ataques de artillería desde chan israelí e bombardeos aéreos, mentres os uniformados lograron rodear a cidade de Gaza, principal urbe do enclave palestino.

"Os nosos soldados están a eliminar terroristas, descubrindo túneles, destruíndo armas mentres continúan avanzando cara ao centro do inimigo", agregou o comandante Finkelman citado nun comunicado castrense.

Soldados tomaron o control dun bastión militar de Hamas no corazón da cidade de Gaza e atacaron milicianos atrincheirados preto dun hospital, dixeron este martes as Forzas de Defensa de Israel, que apuntaron que o exército continua profundando e ampliando a súa ofensiva terrestre na Franxa.

Polas informacións do Exército, parece que as tropas están a concentrar os seus esforzos en capturar os centros de comando e control e expulsar aos membros de Hamas dos seus bastións nos arredores da populosa cidade.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade