Trump pide a Israel e Irán que deixen de disparar "inmediatamente"
"Israel e Irán deben parar de disparar inmediatamente", indicou Trump no seu perfil de Truth Social
Irán lanza unha nova onda de mísiles contra Israel en resposta ao bombardeo de Beirut
REUTERS/Stringer
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, chamou o luns a lrán e Israel a deixar de disparar "inmediatamente", despois de que Teherán lanzara ataques con mísiles contra territorio de Israel, que respondeu contra obxectivos iranianos.
"Israel e Irán deben parar de disparar inmediatamente", indicou Trump no seu perfil de Truth Social. Irán lanzou onte á noite varias ondas de mísiles contra Israel como represalia polos ataques do Estado xudeu contra o Líbano, e Israel respondeu con ataques contra varios puntos do país persa, entre eles Teherán.
Como resposta, Teherán atacou de novo Israel a primeira hora desta mañá con -dixo- bombardeos contra as bases de Tel Nos e Nevatim. Ao mesmo tempo, os hutís do Iemen lanzaron un mísil a territorio israelí, que foi interceptado.
Coa tensión en máximos desde o cesamento do fogo en abril, o presidente estadounidense, Donald Trump, intentou este domingo sen éxito disuadir o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, de contraatacar a Irán, para evitar que entorpecese as negociacións de Washington con Teherán para acabar coa guerra.
Todo isto ocorreu a pesar de que Trump dixo nunha entrevista co Financial Times que Netanyahu "non ten máis opción" que aceptar o acordo que Washington negocie con Teherán tras as ameazas de Israel de responder os ataques aéreos que este domingo lanzou Irán.
"El non terá ningunha outra opción. Eu tomo as decisións. Eu tomo todas as decisións. El (Netanyahu) non toma as decisións", expresou Trump.