O cuarto día de folga de Vitrasa conclúe con danos en oito autobuses e no coche dun traballador

Non houbo que lamentar danos persoais 

A empresa descúlpase ante os usuarios dos autobuses e di que vai garantir os servizos mínimos 

Danos nun dos autobuses Danos nun dos autobuses
G24.gal 28/11/2023 19:56

Oito autobuses de Vitrasa e o coche dun traballador foron atacados este martes segundo informou a empresa nun comunicado en que indicou que non hai que lamentar danos persoais.

A empresa denuncia que estes incidentes poñen en risco viaxeiros, empregados e calquera persoa que circule pola vía.

Os danos foron provocados de madrugada 

O primeiro dos ataques foi ás 05:45 da madrugada, cando o bus que cubría a liña 6, na rúa Clara Campoamor, sen pasaxeiros a bordo, recibiu o impacto dun obxecto que provocou a rotura da xanela lateral. Oito minutos despois, o da liña 4 na rúa Cantabria foi interceptado por varias pedras que golpearon a chapa do autobús, que levaba pasaxeiros.

Ás 6:15 da mañá, o vehículo que cubría a liña C3, con pasaxeiros, detectou unha picada nunha das rodas dianteiras ao seu paso pola Avenida de Galicia 146. Tamén sufriu unha picada no eixo traseiro un cuarto de hora máis tarde o bus da liña 15B en Xestoso; nel só circulaba o condutor.

Ás 6:35, o bus que facía a liña 11, á altura da Grileira, atopouse con varios obxectos na calzada colocados, segundo Vitrasa, por un motorista. Cinco minutos despois, o 27, na Rabadeira e con pasaxeiros, sufriu o impacto dun obxecto contra a xanela lateral, que acabou rota.

Ás 07:10 da mañá, a autocar da liña C3 tivo unha picada nunha roda dianteira e dez minutos despois o bus da liña 5B, á altura de Pi Margall, sufriu outra picada. Ademais, o vehículo particular dun empregado de Vitrasa, estacionado preto da súa vivenda, apareceu coas catro rodas picadas cando se dispoñía a collelo ás 4:30 da madrugada para ir ao seu posto de traballo.

A compañía reitera as "desculpas" aos seus usuarios e garante "a prestación dos servizos mínimos". Os traballadores, que iniciaron o pasado sábado unha folga indefinida e levan meses con mobilizacións, manifestáronse este martes e reclaman melloras. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade