O Coruxo consegue a vitoria no derbi ante o Ourense C. F.

A suprioridade local fíxose notar na primeira metade

Os visitantes espertaron, pero xa era demasiado tarde

G24.gal 02/12/2023 16:58

O primeiro derbi da xornada na Segunda Federación concluíu coa vitoria do Coruxo no derbi ante o Ourense C. F. O Coruxo foi superior na meirande parte do encontro. Os visitantes tiveron opción de marcar, sobre todo na segunda metade, pero o primeiro gol chegou tarde.

Os locais adiantáronse no minuto 10. Á saída dun córner, Pereiro prolongou no primeiro pau e Davo, no segundo, empurrou o balón á rede. Nos seguintes minutos, houbo dúas xogadas polémicas. Unha en cada área. Primeiro, o Coruxo protestou unha man de Fariña. Na segunda, os visitantes pediron man de Johan. En ningunha o colexiado viu nada punible. Antes da media hora, os vigueses fixeron notar a súa superioridade. Johan sacou de banda, e tras unha xogada embarullada, o propio lateral dereito recolleu un rexeitamento na área e conectou un forte disparo ao primeiro pau. 

A segunda metade comezou como a primeira. O Coruxo tivo varias chegadas por medio de Johan e Davo, os mellores do partido, pero non deron ampliado a vantaxe. Mediada a segunda metade espertou o Ourense. Os visitantes buscaron o gol por medio de Brais Pedreira e Amin, pero o gardameta local Alberto fixo unha boa actuación. Foi no 92 cando Miguel Prado, á saída dun córner, conectou unha testada para facer o 2-1. A pesar do pouco tempo, no 96, os visitantes puideron facer o 2-2, pero o balón pasou pola área local.

Con este resultado, o Coruxo consegue tres puntos vitais para afastarse do descenso directo. Pola contra, o Ourense C. F. mantense líder por mor do traspé do Zamora.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar