O Celta de Benítez, o peor como local nas súas 58 tempadas en Primeira

Para lembrar unha serie tan mala como local hai que remontarse á tempada 2010-11, cando o equipo militaba en Segunda División

G24.gal 05/12/2023 12:20 Última actualización 05/12/2023 15:57

Co seu empate onte á noite ante o Cádiz (1-1), o equipo dirixido por Rafa Benítez segue acumulando rexistros negativos e xa é o peor Celta como local nas 58 tempadas que disputou en Primeira División.

O equipo vigués é, xunto ao Almería, o único que aínda non celebrou un triunfo no seu estadio esta tempada. O Celta suma catro derrotas (Osasuna, Real Madrid, Mallorca e Atlético de Madrid) e catro empates (Alavés, Xetafe, Sevilla e Cádiz) nos seus oitos partidos como local.

Para lembrar unha serie tan mala como local hai que remontarse á tempada 2010-11, cando o equipo militaba en Segunda División e tamén encadeou oito partidos sen gañar (cinco derrotas e tres empates).

Nestes momentos, e despois de gañar unicamente un partido en 15 xornadas, o Celta atópase en postos de descenso a Segunda con nove puntos, dous menos que o Mallorca, que marca a barreira da permanencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar