O Breogán volve á carga en Europa da man do xigante Diouf (82-72)

O pivote foi o mellor do partido con 17 puntos e nove rebotes

Dominio breoganista, que soubo refacerse a un intre de crise no comezo do último cuarto en que o Hapoel se puxo por diante 

G24.gal 22/11/2023 22:26

O Breogán logrou unha vitoria importantísima para o seu futuro europeo. Impúxose ao Hapoel Holon, que marchaba invicto, e recuperou o average logo da derrota fronte aos israelís hai unha semana. 

Foi un grande encontro xogado polos de Mrsic, pode que o mellor desta temporada. Con Frankamp recuperado para a causa (13 puntos) e un gran Juan Fernández, o equipo comezou mandando (22-17 no primeiro cuarto) con vantaxes de ata once puntos no segundo período (28-17). Ao descanso, o marcador tiña un 41-33, que amosaba a superioridade breoganista. 

O terceiro cuarto trouxo unha máxima diferenza de 14 puntos (47-33), pero o equipo visitante soubo reaccionar. Coas triplas de Crawford (5/5) e os puntos de Smith puxéronse a cinco (60-55). Non quedou aí a cousa e culminaron a remonta para poñerse por diante ao comezo do último cuarto (62-64). 

Non lle tremeu o pulso nese intre ao Breogán, que da man de Diouf e Anderson conseguiu un parcial de 10-0 que lle devolveu a iniciativa. Desta volta xa non houbo quen lle quitase o triunfo da man a un Breogán que afronta as dúas últimas xornadas con dúas vitorias e dúas derrotas nun grupo moi igualado. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos