O acusado do crime de Oza-Cesuras sinala outro home como autor do disparo mortal

O procesado recoñeceu que fóra á casa da vítima para roubar e que perseguiu a vítima para que non chamase a policía

G24.gal 17/11/2023 14:33

O acusado negou que lle disparara mortalmente na caluga á vítima, na súa casa de Oza-Cesuras, en xaneiro de 2021. Dixo que o seu suposto cómplice lle deu a arma tras matar a muller. E xustificou a prensenza de restos de pólvora no seu chaleco e no seu suadoiro alegando que intercambiou as pezas de roupa co seu compañeiro.

"Hai dúbidas. E hai probas que indican que non é o autor do disparo", explica Rubén Veiga, o avogado da defensa.

Porén, ao longo do xuízo, catro veciños da vítima confirmaron que só viron unha persoa, e ata un deles identificou o acusado como o home que viu correndo detrás da vítima polo tellado do garaxe.

"Viron parcialmente os feitos. Foi o que dixo a investigación. Non houbo ningún veciño que de xeito directo vise o momento do disparo", engade Veiga.

A vítima, de 33 anos e nai dun meniño de dous no momento dos feitos, padecía a enfermidade de Crohn. Por isto, a acusación particular pide a prisión permanente revisable. A Fiscalía solicita un total de 28 anos de cadea.

"Xa se declarou por parte dos peritos médicos que a enfermidade que ten esta persoa non era unha enfermidade que a limitara ou que fose especialmente sensible como para pedir a prisión permanente revisable", di a defensa.

Está previsto que o luns remate a proba documental e que as partes presenten as súas conclusións finais. E o martes, o xurado popular comezará a deliberar ata obter o seu veredicto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar