Lucas Pérez suma 1.108 minutos sen marcar

O seu último gol foi o pasado 11 de xuño en Castalia

G24.gal 04/12/2023 15:46 Última actualización 04/12/2023 15:52

O dianteiro Lucas Pérez atravesa a peor serie goleadora da súa carreira, 13 partidos de liga e 1.108 minutos sen bater a portería contraria, un drama para un futbolista afeito a vivir do gol.

O 31 de decembro de 2022, o futbolista coruñés anunciou que deixaba o Cádiz e a Primeira División para regresar á súa casa, o Dépor, co obxectivo de devolver o club da súa cidade ao fútbol profesional, un obxectivo que lle escapou o pasado 11 de xuño en Castalia tras caer fronte ao Castelló (3-2). Foi naquel fatídico partido, curiosamente, cando o neno marcou o seu último gol, desde o punto de penalti no minuto 59.

Desde aquela, só na Copa do Rei ante o modesto Covadonga logrou celebrar un gol coa camiseta do seu equipo. Eses pobres números contrastan co seu rendemento goleador nada máis aterrar na Coruña o pasado mes de xaneiro.

Lucas Pérez chegaba co ritmo de Primeira, e iso notouse no seu rendemento. O ídolo do deportivismo asinou catro goles nos seus primeiros tres partidos. O dianteiro ampliou ese rexistro ata os oito goles en 14 encontros, unha eficacia dun gol cada 157 minutos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade