As tropas israelís atacan máis de 250 obxectivos en 24 horas na franxa de Gaza

A ONU denuncia novos ataques contra instalacións humanitarias

Unha das vítimas nos ataques de Jan Yunis Unha das vítimas nos ataques de Jan Yunis
G24.gal 10/12/2023 09:39 Última actualización 10/12/2023 16:44

O Exército israelí continúa coa súa ofensiva sobre Gaza, con ataques a "infraestruturas terroristas" do grupo islamita Hamás, no día 65 da guerra.

"Durante o último día, as forzas terrestres, aéreas e navais das FDI continuaron atacando infraestrutura terrorista na franxa de Gaza e alcanzando máis de 250 obxectivos", asegura un portavoz militar nun comunicado.

Segundo informa, "as tropas identificaron e atacaron células terroristas armadas" e destruíron túneles usados polas milicias. 

Fontes israelís sosteñen que os combates poderían prolongarse aínda dous meses, pero con operacións máis selectivas e localizadas. Tamén falan de novos intentos de negociación dun alto o fogo temporal para conseguir a liberación de reféns.

Os ataques israelís na Franxa causaron polo menos 17.700 vítimas mortais confirmadas dende o inicio da guerra o 7 de outubro, tras un ataque por sorpresa de Hamás que deixou máis de 1.200 persoas mortas en Israel.

Bombardeos en hospitais

Nos dous últimos días o Exército israelí bombardeou nas proximidades do hospital Europeo de Jan Yunis, no sur de Gaza e un dos principais aínda en funcionamento na Franxa, segundo informa a ONU.

A organización internacional tamén dá conta doutros ataques contra instalacións humanitarias no territorio palestino, como os rexistrados no hospital Al Amal ou nas oficinas da Media Lúa Vermella que están preto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade