Israel anuncia que matou un dos xefes da intelixencia de Hamas, autor intelectual dos ataques do 7 de outubro

Hamas afirma que 50 reféns faleceron polos bombardeos do exército israelí

O exército de Netanyahu di que seguirá facendo incursións na Franxa de Gaza para preparar a invasión total

G24.gal 26/10/2023 20:12 Última actualización 26/10/2023 21:14

O exército de Israel realizou a pasada madrugada a primeira grande incursión terrestre na Franxa de Gaza desde que se iniciou o conflito. Tanques e tropas de infantería entraron de noite polo norte para atacar posicións de Hamas. Segundo informan, alcanzaron infraestruturas da organización e mataron varios terroristas.

Israel di que esta primeira incursión foi selectiva e que seguirá facendo máis. Que isto non é nada máis ca un avance da grande operación militar terrestre que está preparando. Entre outras cousas, para que os seus soldados achanden o terreo, cheo de trampas e emboscadas.

Antes da invasión, o exército de Tel Aviv intenta descifrar os case 500 quilómetros de túneles subterráneos onde se refuxian os milicianos de Hamas e onde agochan o seu arsenal. Crese que desde aí foi desde onde planificaron o ataque masivo do 7 de outubro. Israel di que un dos autores intelectuais, o subxefe de intelixencia de Hamas, faleceu este xoves nun ataque.

Esa rede de túneles permanece intacta malia os bombardeos. Non así o resto de edificacións. Estas imaxes de satélite dan idea da destrución na cidade de Gaza nos últimos vinte días.

A pé de rúa, agrávase a crise humanitaria. Este xoves entraron polo paso de Rafah outros 12 camións con comida e medicamentos, pero nada de combustible. Segundo a OMS, un terzo dos hospitais da franxa tiveron que deter as operacións por falta de electricidade, de anestesia ou de antibióticos.

Israel afirma que non deterá os bombardeos ata que Hamas libere os reféns secuestrados desde o 7 de outubro, que cifra en 224. O brazo armado de Hamas asegurou este xoves que polo menos 50 deles faleceron por causa dos ataques do exército israelí. 

Piden a súa liberación

Familiares de secuestrados por Hamas piden a Israel que negocie para conseguir a súa liberación e logo, din, que acabe coa organización terrorista. Á  comunidade internacional pidenlle que actúe para lograr unha solución. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade