Investigan o misterio dos predadores da parroquia luguesa de Labio

Descoñécese a que animais atribuír a morte de decenas de cabezas de gando

O último ataque rexistrouse no lugar da Airexe, onde apareceron dúas ovellas mortas

Félix Aragunde 05/12/2023 13:52

O gando dos veciños de Labio, en Lugo, sufriu xa cinco ataques no último mes e medio. Como resultado, aparecéronlles mortas en diversos terreos decenas de cabezas de gando ovino e caprino, provocándolles perdas por valor de máis de 8.000 euros.

No último caso, morreron dúas ovellas, que se encontraban nun recinto cun peche de case dous metros de altura. Ata o momento, os afectados culpaban tres mastíns dun veciño desta parroquia, pero agora xa non o teñen tan claro.

Dubidan que fosen cans ou raposos, máis tendo en conta que agora os mastíns supostamente están encerrados. E tampouco descartan que fosen os lobos os que mataron os animais.

Manuela Reija, dona das ovellas: "Cando lles ía abrir para botalas a pacer, topeime coas dúas ovellas mortas, que eran as que tiña. Non descarto que sexan cans, raposos ou lobos. Eu só podo dicir que estaban mortas".

Os técnicos de Medio Ambiente foron ver as ovellas e mais as cabras mortas e instalaron cámaras en varios puntos. A finalidade é comprobar se volve entrar o que fose que causou a morte dos animais.

Manuela Reija, dona das ovellas: "Despois chamei a Medio Ambiente para que mas viñeran ver. Viñeron e instalaron unhas cámaras, para ver se gravaban algo. Agora, eles saberán se gravaron algo ou non gravaron nada".

Os afectados esperan agora que se resolva cando antes o misterio dos predadores de Labio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade