Hamas publica un vídeo con tres reféns esixindo a Netanyahu que negocie

Netanyahu cualifica a mensaxe de "cruel propaganda"

As forzas terrestres do exército israelí chegan ás aforas da cidade de Gaza

G24.gal 30/10/2023 16:28 Última actualización 30/10/2023 16:44

O grupo palestino Hamas publicou este luns un vídeo en que tres mulleres israelís supostamente cativas na Franxa de Gaza responsabilizan o primeiro ministro, Benjamín Netanyahu, do ataque dos islamitas do 7 de outubro e esíxenlle que negocie a liberación de presos.

Dirixíndose ao xefe do Goberno israelí, unha das mulleres grita en hebreo: "Libéranos agora, libera os cidadáns deles, libera os presos deles, déixanos volver coas nosas familias".

"Supoñíase que habería un cesamento do fogo. Comprometícheste a liberarnos", acusa a muller, a única das tres que fala no vídeo, que dura 77 segundos.

"Estás a matarnos, queres matarnos", agrega, e acusa o mandatario de non protexer as comunidades próximas a Gaza durante o ataque de Hamas do 7 de outubro, que deixou máis de 1.400 mortos en Israel, máis de 5.400 feridos e 239 reféns.

Netanyahu cualifica de "cruel propaganda" o novo vídeo

O primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, cualificou de "cruel propaganda psicolóxica" o vídeo difundido este luns por Hamas.

Nunha mensaxe publicada pola súa oficina, Netanyahu diríxese directamente ás secuestradas e dilles que lles envía un abrazo e subliña que se fará "todo o posible para devolver a casa a todas as persoas secuestradas e desaparecidas".

"Diríxome a Elena Trupanov, Danielle Aloni e Rimon Kirsht (as tres secuestradas que aparecen no vídeo), que foron secuestradas por Hamas, que comete crimes de guerra. Envíolles un abrazo. Os nosos corazóns están con vostedes e cos demais secuestrados".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade