Galicia rexistra a porcentaxe máis elevada de turismo estranxeiro da súa historia
Galicia rexistra a porcentaxe máis elevada de turismo estranxeiro da súa historia
O director de Turismo de Galicia estima que Galicia podería pechar 2023 con 6,7 ou 6,8 millóns de visitantes
Nega que haxa masificación no Camiño de Santiago pero si admite concentracións en determinados momentos
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asegura na Radio Galega que arredor do 30 % do turismo que rexistra Galicia é estranxeiro, unha porcentaxe que é a máis elevada da historia do turismo da nosa comunidade.
Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, Merelles asegura que é un "grande éxito" e indica que "por aí é por onde podemos medrar". Merelles estima que 2023 pode rematar batendo novamente marca de visitantes se se mantén a alza dun 6 % respecto ao ano pasado.
Calcula chegar aos 6,7 millóns de visitantes ou mesmo ao 6,8, fronte aos 6,5 rexistrados en 2022. Segundo o director de Turismo, "estase achegando a Galicia o mercado americano" e seguen sendo protagonistas o italiano, o alemán e o portugués.
Na conversa, Merelles estima tamén que no que atinxe a peregrinacións, este ano poderían acadarse as 445.000 ou 450.000 persoas que fixeron algún dos Camiños de Santiago e selaron a Compostela.
O responsable de Turismo de Galicia nega a masificación pero si admite que hai concentracións en momentos concretos do ano.
"Agora mesmo non detectamos unha masificación, detectamos ao mellor concentracións puntuais en determinadas épocas do ano, coincidindo coa fin do mes de xullo e principios do mes de agosto. Si detectamos este ano maior afluencia noutros meses que non son de verán. En febreiro as peregrinacións aumentaron un 45 %".