Galicia quere ser referente na fabricación de compoñentes para a eólica mariña

O sector fai un chamamento para fortalecer a cadea de valor e non perder unha oportunidade que podería chegar a xerar ata 12.000 empregos directos nos próximos dez anos

G24.gal 27/11/2023 14:52

Dos cinco únicos parques eólicos flotantes implantados en Europa, tres teñen tecnoloxía galega. E se falamos dos que están por vir, hoxe en día Europa só ten capacidade para prover un 50 por cento. Unha oportunidade que, para o sector da eólica mariña, Galicia non pode deixar pasar.

"Actualmente temos tres mil empregos directos na eólica mariña, podemos chegar a doce mil en 2030 cunha implantación moi básica. A nivel mundial hai unha capacidade escasa, pero Galicia é líder en fabricación de compoñentes e equipos", comenta o secretario xeral de Asime.

Novas oportunidades tamén para o desenvolvemento do territorio, que segundo a Xunta ten que levarse a cabo conciliando todos os sectores.

"Pedimos á Administración Xeral do Estado que colabore con nós nese diálogo, agora mesmo non está contando coas achegas do observatorio que hai aberto en Galicia e para nós o desenvolvemento ten que facerse con tranquilidade e consenso de todos os axentes implicados", destaca a conselleira de Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana.

Para amosar o que Galicia pode ofrecer na cadea de valor da eólica mariña, empresas líderes no sector participaron neste encontro celebrado na Coruña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade