Publicador de contidos

Publicador de contidos

Santiago, epicentro da ciberseguridade, por María Bastida

OPINIÓN

Santiago, epicentro da ciberseguridade, por María Bastida

María Bastida 22/10/2025 07:46

Vivimos nun momento en que a ciberseguridade se converteu nunha peza esencial do funcionamento económico e social. Xa non falamos só de protexer computadores ou redes, falamos de garantir a continuidade das empresas, a seguridade dos servizos públicos e a confianza dos cidadáns na economía dixital. Cada transacción, cada dato e cada proceso dependen de que exista unha contorna dixital fiable. Por iso, investir en ciberseguridade é tamén investir en competitividade, en reputación e en estabilidade. Ten que ver coa confianza dixital, a privacidade, a integridade dos procesos e coas persoas que están detrás. A tecnoloxía é parte da nosa vida cotiá e necesitamos que sexa segura, pero tamén que estea xestionada con responsabilidade.

Estes días, Santiago converterase no epicentro galego da ciberseguridade. Durante o 22 e 23 de outubro, a Cidade da Cultura acollerá o Espazo CiberGalicia 2025, un evento que reunirá especialistas, empresas tecnolóxicas, pemes e administracións públicas cun mesmo propósito: promover unha ciberseguridade máis práctica, colaborativa e con enfoque humano. O encontro busca crear un espazo onde a universidade, o sector privado e as institucións compartan experiencias, identifiquen desafíos e traballen xuntos. Esa é a clave: pasar do discurso á práctica.

A grande acollida que tivo o Congreso demostra que hai un interese real e unha necesidade clara de coñecemento nesta materia. Combinará formación práctica, demostracións en directo e talleres, pensados sobre todo para que as pemes aprendan a detectar vulnerabilidades e a protexerse. A ciberseguridade non é un gasto, é un investimento. Un investimento que xera confianza, reputación e competitividade.

No evento van participar empresas galegas de primeiro nivel -Tarlogic, InprOTech, dooingIT, Forensic&Security, entre outras-, que mostrarán casos reais, solucións e tecnoloxías punteiras. Haberá zonas de encontro e stands para que as pemes poidan falar directamente con elas, preguntar, aprender e establecer contactos. E iso é importante, porque historicamente houbo certa distancia entre o ámbito público e o privado en materia de ciberseguridade, e esa brecha está a pecharse. Cada vez hai máis colaboración entre universidade, empresas e institucións.

Ademais, presentaranse os resultados do traballo desenvolvido desde a Cátedra de Economía da Ciberseguridade da USC, como o novo Observatorio de Ciberseguridade, unha plataforma que analiza a información e as tendencias sobre os temas que máis preocupan na rede. O seu obxectivo é ofrecer unha visión clara, accesible e útil, tanto para os profesionais do sector como para a cidadanía. Este congreso pretende ser o primeiro paso dunha rede permanente, un punto de conexión estable que reforce a posición de Galicia como referente en confianza e resiliencia dixital.

En resumo, este congreso é unha invitación para participar, aprender e compartir. A entender que a ciberseguridade nos afecta a todos e que protexernos dixitalmente é protexer o noso futuro. Santiago será estes días o punto de encontro dun ecosistema que crece, e faio con confianza dixital.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade