Galicia reduce 10 días a demora para as intervencións cirúrxicas

Aínda que se reduce o tempo de demora, aumentan as listas de pacientes en espera

O conselleiro de Sanidade prevé alcanzar as cifras do ano 2019

G24.gal 28/11/2023 16:45 Última actualización 28/11/2023 18:56

En Galicia reduciuse en case 10 días o tempo medio de demora para intervencións cirúrxicas ata os 65,9 días ao longo do primeiro semestre de 2023 en centros hospitalarios dependentes do Sergas.

Tal e como recollen os datos publicados polo Servizo Galego de Saúde, aínda que se reduce o tempo medio, marcado en 75,4 días na última publicación autonómica con datos ata decembro de 2022, aumentan os pacientes en espera a 44.410. Son 866 máis que os recollidos na última información facilitada.

 

Os datos debúllanse tamén por prioridade de intervención, onde os tempos tamén baixan. Así, para as intervencións de prioridade 1 (as que se recomenda unha espera non superior aos 30 días), hai 1.812 persoas esperando (122 máis) e o tempo medio é de 16,7 días (4,7 menos que a finais de 2022).

No caso das operacións de prioridade 2 (o tempo recomendable non debe superar os 90 días), hai unha cola de 11.550 pacientes (517 máis) e a demora media é de 65,5 días (10,8 menos).

Ata xuño de 2023, 79 persoas levaban esperando máis de 12 meses por unha intervención cirúrxica, 82 menos que a finais de 2022.

Maiores listas de espera en neurociruxía

As maiores demoras tenas neurociruxía, con 92,5 días, só detrás da plástica, con 96,8 días, aínda que é nesta área onde se produce o descenso máis acusado desde finais de 2022, cunha baixada de 18,7 días nas listas.

Os tempos medios de espera para cirurxía pediátrica tamén chegan aos 86,2 días, que se reduce en 14,5 días desde os últimos datos publicados.

Os pacientes pendentes dunha ciruxía vascular son os que menos teñen que agardar, 48,6 días é a media, aínda que a demora tamén se incrementou en 6,3 días dende finais de 2022.

A mesma liña seguen as pacientes que esperan unha intervención xinecolóxica, que se demora unha media de 51,5 días.

O resto de servizos móvese entre os 55 días de espera de, entre outras, a cirurxía torácica e xeral e dixestiva, e os 72 días de maxilofacial e otorrinolaringoloxía, ou os 76,3 de traumatoloxía.

Os servizos cirúrxicos con maiores listas de espera en Galicia neste primeiro semestre de 2023 eran traumatoloxía, con 11.365 persoas esperando, e oftalmoloxía, con 10.380. Por contra, para cirurxía infantil só hai dous nenos en espera e para cirurxía cardíaca a lista de espera é de 231 persoas.

Por áreas sanitarias, Santiago e A Coruña son as que máis persoas en lista de espera rexistran, 9.813 (693 máis) e 9.619 (225 máis), respectivamente. Pola contra, as de Lugo e Ferrol, con 4.260 (212 menos) e 2.736 (83 máis), son as que menos pacientes en cola rexistran.

Baixan as esperas para consulta

As listas de espera para consultas tamén se reducen. Os galegos pendentes de ser atendidos son 210.660, 4.960 menos que a peche de 2022. Tamén se suma a baixada dos tempos de demora dos 66 días de decembro do ano pasado aos 62,9 contabilizados ata xuño de 2023.

Por áreas sanitarias, a de Ourense é a que presenta un maior tempo medio de atención, ademais de ser a única que non diminúe. Son 108,6 días de media fronte aos 102,6 de 2022. Na outra cara da moeda está a área de Vigo, con 38,7 días de espera media, a máis curta de toda Galicia e a única por baixo dos 40 días.

O distrito sanitario da Coruña rexistra o maior número de pacientes en lista de espera para consultas, 42.841 (961 máis que en decembro de 2022), mentres que Ferrol é o que menos notifica, 12.468 persoas (6.131 menos).

Por servizos, os galegos pendentes dunha consulta de rehabilitación son os que máis esperan, 155,2 días de media; seguidos polos que deben acudir a unha consulta de anestesioloxía e reanimación, que esperan 86,6 días de media, e de oftalmoloxía, con 71,9 días.

 

Entre estes servizos tamén se atopan os que máis lista de espera teñen. Para unha consulta de oftalmoloxía esperan 39.361 persoas (1.486 máis); para traumatoloxía, 30.215 (1,969 menos); e para rehabilitación, 21.627 (1.195 máis).

Case 90.000 pacientes pendentes agardan por unha proba de radioloxía

Os datos sobre probas diagnósticas indican que as endoscopias son as a que máis tempo de espera rexistran, 106 días de media (40 días menos que en 2022). Os estudos tamén chegan aos 103,7 días de demora. En probas vencelladas a medicina nuclear son as que antes se resolven, con 22,9 días de media. Este é o servizo que menos persoas ten en espera, 366. O que máis, radioloxía, con 89.966 pacientes (1.298 menos). 

Galicia, segunda comunidade con menos tempo de espera cirúrxica

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, antes de que se publicasen estes datos, amosábase confiado de poder recuperar os datos "tan bos" de listas de espera en Galicia en 2019, "que eran máis curtos que o de agora". "Galicia é a segunda comunidade autónoma con menores listas de espera".

"Os datos reflicten que estamos preto", comentou en relación á previsión que se manexa a estas datas. Por outra banda, tamén incidiu en que se priorizan as intervencións que levan máis tempo, remarcando que o tempo medio de lista de espera en Galicia está en 66 días, só superado por Madrid, que está en 45. Nas intervencións de prioridade 1, a demora sitúase "entre 15 e 20 días". En España, engadiu, "o tempo medio é de 112 días".

"Isto é un fito para nós. Nunca estiveramos nesta posición. Estabamos de terceiros, cuartos, dependendo, e colocarnos en segundo lugar é o reflexo dese traballo importante que están a facer os profesionais".

Para tentar reducir os tempos de demora rexistrados, o conselleiro asegura que "estamos a traballar nos hospitais para tentar, como era o noso obxectivo, acabar o ano 2023 igualando os datos que tivemos en 2019. Creo que imos polo bo camiño".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade