Falece un home de 84 anos tras caer co seu coche por un terraplén en Tomiño

O suceso tivo lugar ás 12:25 horas deste martes no barrio de Vilachán, no concello pontevedrés de Tomiño

O rescate do cadáver, 60 metros monte abaixo, foi moi complicado 

G24.gal 28/11/2023 13:21 Última actualización 28/11/2023 21:37

O accidente descubrírono por casualidade unhas persoas que circulaban a mediodía deste martes polas pistas forestais da comunidade de Montes de Tomiño.

"Atopei aquí un canciño que estaba como agardando por alguén. E vimos que alí abaixo había un coche no medio dos eucaliptos. Fun mirar para ver que puidera pasar e atopeime co falecido na metade da costa", contaba Jorge Castiñeira.

A vítima tiña 84 anos. Suponse que saíu despedido do coche durante a caída do seu vehículo polo terraplén.  

"A caída foi aproximadamente duns 60 metros ata onde estaba a vítima e despois o coche aínda quedaba 20 metros por debaixo", relataba Roberto Domínguez, xefe do parque de bombeiros do Porriño.

Rescatar o cadáver non foi doado.

"Para poder chegar a el tivemos que montar un sistema de liñas con cordas ata poder acceder ao corpo e extraelo ata a pista forestal", explicou Domínguez.

Ademais de efectivos de bombeiros do Baixo Miño, no operativo participaron membros do GES da Guarda e de Protección Civil do Porriño e axentes da Policía Local e da Garda Civil.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade