Deteñen un home de 26 anos como suposto autor do apuñalamento dunha muller e da filla de ambos

O corpo da muller foi localizado no garaxe do inmoble, mentres que o da nena e o do home ferido estaban dentro da casa

A policía tivo que retirar por orde xudicial hai aproximadamente dous meses as medidas de protección á muller asasinada

G24.gal 27/11/2023 07:56 Última actualización 27/11/2023 09:55

A Policía Nacional detivo o home, de 26 anos, como presunto autor da morte por apuñalamento, na madrugada deste luns, da súa exparella, de 25, e da filla de ambos, de 5, no distrito madrileño de Carabanchel, todos eles de nacionalidade peruana.

Fontes policiais informaron a EFE da detención do home, que foi atopado en estado grave cunha ferida no pescozo no mesmo domicilio en que se atopaban os corpos da muller e a nena, xa que ao parecer tentou suicidarse coa arma branca con que supostamente cometeu o dobre crime nun piso do número 62 da rúa Jacobeo.

Segundo algúns veciños os feitos ocorrerían pasadas as once da noite deste domingo. O corpo da muller foi localizado no garaxe do inmoble, mentres que o da nena e o do suposto agresor estaban dentro da casa.

A policía continua coa investigación do asasinato, que, de confirmarse, podería supoñer o 53 asasinato machista no que vai de ano. O 016 atende a todas as vítimas de violencia machista as 24 horas do día e en 53 idiomas diferentes, do mesmo xeito que o correo 016-online@igualdad.gob.es; tamén se presta atención mediante Whatsapp a través do número 600000016, e os menores poden dirixirse ao teléfono da Fundación Anar 900 20 20 10. 

Retiráronlle as medidas de protección

A policía tivo que retirar por orde xudicial hai aproximadamente dous meses as medidas de protección á muller asasinada en Madrid tras ser absolto nun procedemento de malos tratos o seu presunto agresor, a súa exparella, informaron a EFE fontes da investigación.

A muller estivo rexistrada no sistema policial VioGén, en que foi cualificada como un caso de risco alto e por tal motivo tiña unhas medidas de protección moi elevadas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade